VI Festival Hércules Brass Celanova

Estamos moi contentos de poder presentar unha nova edición do “Festival Hércules Brass Celanova”.

Tras a experiencia e os éxitos obtidos nas nosas anteriores edicións, seguimos traballando para facer deste encontro musical todo un referente para os músicos de vento metal.

Dende o 29 de xullo ao 2 de agosto de 2019 queremos que respires connosco música, ilusión e entusiasmo, que goces de novos concertos e, como non, que aprendas e compartas experiencias únicas da man dos mellores profesores de trompeta, trombón, trompa e tuba.

Para isto, seguimos organizamos clases maxistrais con profesores cos que nos sentimos moi identificados polo seu estilo de tocar e ensinar, este ano temos a sorte de contar cun grande elenco internacional e nacional como Andrea Conti, Roberto Bodí, Franck Pulcini, Esteban Batallán, Bruno Flahou, Martín Naveira, Jean Pierre Cenedese e Thierry Thibault.

Convidamos importantes grupos como o Ensemble Epsilon, todo un referente en cuartetos de metais, que conta cunha longa traxectoria; e a Orquestra de Cámara Galega que acompañará ao solista Esteban Batallán.

Así mesmo, hai que engadir o concerto no órgano de San Salvador con Sar Ensemble e como sempre, a marabillosa posta en escena da Banda de Música de Celanova, que mesturará os seus acordes co solista Fabio Brum.

Ademais, Hércules Brass Ensemble contará novamente co mestre Luís Miguel Méndez á batuta, un músico galego, clarinetista da Orquestra do Teatro Real (Madrid), que está a cultivar moitos éxitos na dirección de Orquestra.

Como broche final, o alumnado será o encargado de pechar este ano o festival interpretando todos xuntos un espectacular repertorio.

Consideramos que o festival é unha proposta fascinante para todo o alumnado dos instrumentos de vento metal porque terá a oportunidade de coñecer, ver e escoitar a outras persoas participantes chegadas de diferentes puntos de España e do estranxeiro, e á súa vez tamén, para o público en xeral polo alto nivel artístico que poderá gozar durante ditos días.

Esperámoste en Celanova, ven a vivilo por ti mesmo e que ninguén cho conte.

Hércules Brass