23 de Abril de 2013

No bico un cantarNo bico un cantarNo bico un cantarNo bico un cantar

sibrinca

No Comments

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega reunirán un coro de 400 nenos e nenas para cantar os versos de Rosalía de Castro nunha homenaxe única á escritora no ano no que conmemora o 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e mais o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentaron hoxe en rolda de prensa a actividade musical educativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, que se organiza no marco do programa de actividades que a Xunta de Galicia e outras entidades están a impulsar de forma conxunta para celebrar esta efeméride. Na rolda de prensa, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás, tamén participaron o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo; a directora da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, a vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez e Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG e que será o encargado de dirixir a actividade.

A compostelá praza da Quintana acollerá o 7 de xuño este concerto, no que participará alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia. Os nenos cantores estarán acompañados polo  grupo de metais Hércules Brass, composto por 2 cornos, 2 trompetas, trombón e tuba.

Na presentación da actividade, Vázquez Abad sinalou a importancia da música na difusión da obra rosaliana de xeración en xeración “a través das melodías cantadas, obra dos noso mellores compositores e esparexidas por grupos musicais dos máis diversos estilos”, pezas como o Negra Sombra, de Juan Montes, ou Rosa de Abril, de Gaos, “que seguen absolutamente vixentes e capaces de  emocionar e de nos transmitir sensibilidade a públicos de todas as idades”.